terça-feira, 13 de outubro de 2020

AS LETRAS GALEGAS EN CARICATURA



Capa d'As Letras Galegas en Caricatura
Certo é que este ano resultou esaxeradamente atípico en moitísimos aspectos, e un deles ten que ver coa saúde pública e coa dolorosa pandemia que padece a humanidade... Asemella que todo freara de vez e as persoas, caladiñas, ficaban nos seus fogares sen case relación coa veciñanza e a familia non tan próxima. 

Porén, a Cultura debía continuar e aínda que desgraciadamente se paralizaron moitos proxectos, outros houbo que avivalos, asumindo riscos e intentando que tres anos de traballo non fosen inútiles. Cadaquén faciamos o posíbel para lle dar luz ás nosas obras, que as maquetas entrasen nos tórculos, que se aceptasen as galeradas por vía telemática, que non puidesemos supervisar as cores nin o material... Unicamente debiamos fiarnos dos profesionais do mundo da edición: e ben que fixemos! 

A porta pechada lanzábanse as imprensións dun libro no se gastaran -coa axuda de non poucas persoas- moitos reloxos de area e moitos mares de acuarela. Malia os contratempo, polo mes de maio deste 2020, ano de "Carvalho Calero", veu á luz un meu libro titulado As Letras Galegas en Caricatura

Nel recóllense as 60 biografías e caricaturas das persoas, até hoxe, homenaxeadas co 17 maio. A estrutura dos contidos destinados a cada autor ou autora son claros: nome e apelidos, ano no que se lle concede o Día das Letras, extracto dun poema emblemático ou texto significativo, biografía, datas de nacemento e defunción, obras máis relevantes e un apartado denominado ars memoriae. Nesa sección ofrécense as claves para interpretar a caricatura e tirar varios datos da vida e/ou obra das figuras máis senlleiras da escrita galega. 

As imaxes, sen retoques dixitais, elabóranse en acuarela e tinta chinesa, aínda que nalgunhas se bote man, asemade, de materiais de refugallo (recortes de xornal; madeiras de castiñeiro, piñeiro ou cedro; teas de tapizar...).

Por serte, puidemos contar coa colaboración dun mar de persoas marabillosas que enriqueceron os textos e as imaxes, entre elas: Fina Casalderrey (autora do limiar), Mercedes Queixas (autora do epílogo), Martiño Picallo (deseñador das cubertas), Emma Pedreira (supervisora dos textos e orientadora)...

Afonso Daniel Rodríguez Castelao

Ao seu ver, Fina Casalderrey subliña entre outros aspectos que esta obra contén un "material atractivo para calquera que queira saber de nós, no que o autor fai un breve, eficaz e intenso percorrido polas nosas Letras Galegas dende o ano 1963 en que comezaron a celebrarse ata o 2020. Mais as letras lévannos á arte popular, ao Pórtico da Gloria, aos vellos oficios, ao Museo do Pobo Galego, ao Seminario de Estudos Galegos, á pintura, aos mil ríos, aos océanos do mundo...".

Por outra banda, a epiloguista e escritora Mercedes Queixas Zas considera que "cada páxina, cada caricatura contemplada agora como una estrela con luz propia, creadora dunha constelación de raíz universal, nada en nomes e títulos que nos contan, constrúe e ac acompaña no noso camiñar vivencial e onírico cara a un novo capítulo agardado".

A obra, editada a toda cor, en formato superior ao A4, elaborada en papel satinado e cubertas duras, baixo o noso punto de vista representa algo do que -como autor- me teño que sentir ben orgulloso. Mais quizais resulte recomendábel que, no canto de falarmos nós, que acheguen as súas reflexións aquelas persoas que o teñen consultado ou analizado, for Pilar Sampedro ou Ramón Nicolás, for María Couceiro ou for Emma Pedreira.

Afonso X "O Sabio"
Ramón Nicolás, dende o Caderno da Crítica, indica:

"Non dubido que esta nova achega de Picallo supón un paso adiante no ámbito da iconografía destes sesenta nomes propios que constitúen unha parte substancial do noso patrimonio literario cultural, sen esquecer a súa inequívoca utilidade en diversos ámbitos didácticos. Unha proposta, en fin, coidada e meritoria que cómpre apoiar e difundir".

Pilar Sampedro, valéndose do espazo que lle entrega Galicia Díxital, informa do seguinte:

"Poderiamos situar o exemplar entre o libro de coleccionista e o didáctico, con características de ambos. Por unha banda é un traballo moi coidado no que intervén o artista plástico, por outra está a labor de documentalista na que Héitor é experto, pero sempre sen deixar de ter en conta o carácter educativo. Trátase dun material necesario e que debemos ter sempre a man para lembrar os autores e autoras máis recoñecidas de Galicia, pertencentes á parroquia dos mortos (como se di na miña aldea)".

Dende Correo Televisión, María Couceiro (responsábel de difusión da Libraría Couceiro), considera que é unha obra "moi interesante porque non había nada que adicase algo a cada autor (nunha obra conxunta)".


Emma Pedreira -dende a Festa dos Libros de Pontevedra- cataloga "na categoría de ensaio, ou libro
María Victoria Moreno
divulgativo, ou xoia bibliográfica este últimisimo (libro) de Héitor Picallo: As Letras Galegas en Caricatura". 

Resultado diso é que está a ser unha das obras máis vendidas do 2020, segundo se ten achegado nalgún medio de comunicación. 

Cos poucos recursos que se contaron neste ano, por mor da pandemia do Covid, puiden ir presentando o libro en diversos eventos: Na Feira do Libro de Galicia (en Vigo e A Coruña), no Día do Libro (Concello de Nigrán), na Semana do Libro en Cambados, no Festival Orixe 2020 (Caldas de Reis)... E todo grazas á colaboración de diversas persoas e colectivos.

A última estampa deste libro é a de Ricardo Carvalho Calero que, como xa hai anos e por se tratar da persoa homenaxeada co 17 de maio, sae publicada na portada da edición dese día en El Correo Gallego.

Alén das críticas entregadas por María Couceiro, Emma Pedreira, Pilar Sampedro e Ramón Nicolás quero entregar as miñas grazas a todos os medios de difusión que deron conta deste libro de autoedición, verbi gratia: María Almodovar Picón, Carolina Sertal, Fernando Salgado, Caetano Díaz...

Se queredes escoitar a entrevista que, para a Radio Galega, realizou Helena Soto. Premede no seguinte enlace.


Como observación gustaríanos lembrar que nalgunhas biografías, e como testemuño de xenerosidade, diversas persoas autoras verteron ex professo certas reflexións atinadas e necesarias. Gustamos de lembrar a Maka Arca Camba, Afonso Blanco Torrado, Mónica Caaamaño, Francisco Fernández Rei, Baldomero Iglesias Dobarrio -"Mero"-, Xosé María Lema Suárez, Xosé Leonardo Lemos Montanet, Carlos López Bernárdez, Xosé Luna Sanmartín, David Otero, Francisco Pazos, Eli Ríos, Elvira Riveiro, Calros Solla, Ángeles Tilve Jar, Cris Vázquez Santos -"Cris de Caldas"-, Miro Villar e Malores Villanueva. Foron imprescindíbeis as participacións de Eva Liñeira (fundamental nesta obra), o meu irmán Martiño Picallo, Fatima R. Ruibal, Emma Pedreira, Xosé Lobato e Pilar Sampedro. Beizóns tamén para todas e todos eles!!!




De estares interesado en adquirir esta obra, velaquí fican os puntos de venda. Beizóns e ben haxa tamén a todas as librarías que gustastes de aloumiñar esta miña obra.















sábado, 16 de julho de 2016

A POESÍA ACTUAL

TILIRÍN E A POESÍA DE HOXE

Yolanda Castaño
Pilar Pallarés
Dentro dos meus libros infantís, publiquei en edicións fervenza, e dende a colección Tilirín: o meu primeiro dicionario, un pequeno volume sobre "A Poesía de Hoxe" (2011). 

Alén de reproducir poemas de diversas/os escritoras/es galegas/os, fixen unha caricatura sobre cada un deles e, como adoito procecer. elabóroas en acuarela, tinta chinesa e diversos materiais (entre os que están recortes de papeis, xornais, madeiras de piñeiro, cedro e castiñeiro; tecidos,...) Busquei facer unha escolma daqueles autores e composicións que me resultaban máis suxestivos (ben pola súa calidade persoal, compositiva e outras características que evidentemente tamén teñen que ver cos afectos). 

INTERXERACIONAL

Miguelanxo Fernán Vello
Bernardino Graña
Que fose interxeracional a colectánea de poetas era importante, así como a variedade de contidos (aínda que un dos temas principais tivese que ver coa lingua e a terra). Cumpría, ora ben, ter en conta que o público é variado -malia que no primeiro enfoque están as crianzas e a rapazada. Hoxe posibelmente o realizase doutro xeito, quizais habería outras composicións e escritores/as que, por mágoa e cuestións editoriais, tiven que reducir exclusivamente a 22. Sen dubidalo integraría unha maré que hoxe -alén das distancias xeográficas- está moi próxima ás miñas costas: Eli Ríos, Ramón Neto, Suso Díaz, Xavier Queipo, Yoli López, Helena Villar Janeiro, Carlos Penela,... 

POETAS

Uxío Novoneyra
A portada do libro está presidida por unha imaxe de Uxío Novoneyra e acompañada do Tilirín (o inquedo personaxe que creei para esta colección). Vai dedicado a Xosé Couceiro Bugallo, escritor de Terra de Montes que finou de xeito prematuro.
Xosé Luís Méndez Ferrín
O elenco de autoras e autores, por orde alfabética, é a seguinte: Vicente Araguas, Darío Xohán Cabana, Marica Campo, Yolanda Castaño, María do Cebreiro, Estíbaliz Espinosa, Miguelanxo Fernán Vello, Xoán Xosé Fernández Abella, Bernardino Graña, Xosé Lois García, María do Carme Kruckenberg, Xosé Luna Sanmartín, Xosé Luís Méndez Ferrín, David Otero, Pilar Pallarés, María Xosé Queizán, Chus Pato, Elvira Riveiro Tobío, Xohana Torres, Xulio L. Valcárcel, Miro Villar e Xosé Vázquez Pintor.

CRÍTICA DE ARMANDO REQUEIXO (no Criticalia)


María do Cebreiro
Hai editoras para as que menos é máis. Porque o que distingue e referencia entre o lectorado un selo non son os grandes medios cos que poida contar, senón o criterio que se descobre tras as súas escollas, o acerto do seu catálogo.

E escribo isto a propósito de Edicións Fervenza, a casa estradense que dende hai uns anos vén dando a luz tan interesantes coma diversos volumes, modestos moitas veces na súa materialidade, mais atractivos polo seu contido.

Un dos seus últimos títulos publicados é Tirilín e a poesía de hoxe, libro integrado na colección O meu primeiro diccionario, na que xa teñen aparecido con anterioridade entregas dedicadas ao mundo dos paxaros, os peixes, o universo, os escritores do Día das Letras, as construcións galegas e os insectos. Todos eles, xaora, protagonizados por Tirilín, neno rebuldeiro que vai dando a coñecer aos máis novos toda canta cousa pasa por diante dos seus ollos.
David Otero

Elvira Riveiro
Desta volta o cometido de Tirilín non é outro que o de achegar unha miga aos máis cativiños os nosos poetas actuais. Deste xeito, polas páxinas da obra van desfilando os versos de Darío Xohán Cabana, Marica Campo, Yolanda Castaño, María do Cebreiro, Estíbaliz Espinosa, Miguel Anxo Fernán Vello, Bernardino Graña, María do Carme Kruckenberg, Xosé Luís Méndez Ferrín, Pilar Pallarés, María Xosé Queizán, Chus Pato, Elvira Riveiro Tobío, Xohana Torres, Xulio L. Valcárcel, Miro Villar, Xosé Vázquez Pintor ou Xosé Luna, este último director de Edicións Fervenza, quen con tanto tino escolleu a Héitor Picallo para que se responsabilizase da presente antoloxía.

Chus Pato
Picallo foi, ademais, o encargado de ilustrar este álbum-escolma, para o que deseñou unhas caricaturas espléndidas que, de seguro, moito han agradar ao público infantil ao que van inicialmente dirixidas, pero que non deixarán tampouco de chamar a atención a aqueles adultos que se acheguen a contemplalas.

Miro Villar
Canto á natureza dos textos recollidos, teñen todos a virtude de ser inequivocamente representativos da poética de cada autor ou autora e, ao tempo, coinciden en moitos casos na súa decidida aposta a prol da lingua e na defensa da cultura e a terra de noso.

Visualmente moi suxestivo e con evidente fortuna antologadora, Tirilín e a poesía de hoxe é unha obra máis que recomendable para os pequenos da casa e para os que, non séndoo xa, gardan aínda un espírito neno que lles permita gozar, comme il faut, desta regalía para os ollos de moi agradecida lectura”.

(Armando Requeixo, Criticalia)

segunda-feira, 29 de fevereiro de 2016

OBITUARIO, POEMARIO DE ROCÍO LEIRA

E así despois de ler o libro de poemas, importante, arriscado e valente,... despois tamén de reunirme coa autora, tomar un longo café, sorber os seus gustos,... comecei a tirar liñas para lle dar corpo á portada desa magnífica obra.

OBITUARIO

Obituario é o título do libro, escrito con moita forza -lírica e numérica- pola ceense Rocío Leira; Premio Xosé M. López Ardeiro (Negreira). E velaquí que esta non vai ser unha obra que pase desapercibida,... ou iso coido: pasará -iso si- de man en man, ou de ollar en ollar. A orixinalidade, a forza, a tensión, a carraxe, a condea, a cadea, a cadencia, a decadencia do que somos cando perdermos o respecto... fica aí, entre os versos.

VIOLENCIA DE XÉNERO

A violencia de xénero é o cernizo de todo o conxunto, a columna vertebral, e o tema albíscase difícil -realmente- para deseñar unha capa que non engada máis friaxe e severidade ao feito social. Esa xeada, ese carambelos xa se senten no nervio do poemario: propia razón deste marabilloso discurso lírico.

Quixen (ou mellor dito, quixemos) buscar certa vinculación coa obra Carnia Haikai, da magnífica escritora Elvira Riveiro Tobío, a quen lle fixen tamén todas as ilustracións dese seu poemario, premio de Poesía Erótica Illas Sisargas (2011). Mais desta volta non podía ser xustamente iso: liñas figurativas e insinuantes coma un haiku. Simplicidade si, pero forza tamén. 

AS CORES

A diferenza de Carnia -que ten as imaxes eleboradas en teas de tapizar, tinta chinesa e augatinta- desta volta, Obituario debía posuír cor nos volumes, vida -en fin. De aí que sexan corpos de persoas, corpos que son nus -evidentemente- sen nada que os recubra, sen alfaias nin atuendos, só indefensos, en posición fetal, como cando vimos ao mundo; aniñados, engruñados, engurrados, protexéndonos (protexéndose elas) de todo o que molesta, manca, fere, vexa e humilla...

As tinguiduras das acuarelas tenden a ser cálidas (para non facer máis escura a situación). E elas, esconden as súas humilladas faces entre as mans (a vergoña, a impotencia) ou entre os puños (a forza, a tensión,...). Existe diálogo entre as figuras, aínda que se dean as costas: hai quen amosa o seu carrelo á realide, hai quen non quere ver a dor, nin a ferida social. 

Amais diso, habita nas acuarelas un respecto ao tema central -sobre todo respecto- e proximidade,... Porque elas, as nosas nais, as nosas irmás, as nosas avoas, as nosas PERSOAS, están non moi lonxe dun trazo de pincel ou da rúa do lado.

A MADEIRA

As imaxes femininas, unha enriba da outra, non perden o contacto -o cabelo da inferior pousa sobre o corpo da superior, e esta fai que descansen os seus pés sobre as costas da que está abaixo. En conxunto forman, case unha única figura totémica -espiritual- que ascende e acentúa a verticalidade da lámina. Esta tendencia verase compensada coas liñas horizontais que describe a madeira.

As febras horizontais de piñeiro e castiñeiro trazan -outrosí- un chan antigo, unha historia que vén de vello, xacen nun firme onde se derruban e erguen as heroínas da liberdade e da (re)existencia, trazan o terrazo (cálido) que aloumiña o corpo magoado, nu,... e indefenso.

Dende aquí a condena máis enérxica a todo tipo de violencia, e particularmente a de xénero. A elas, estas palabras, e esta imaxe.

Por certo, parabéns Rocío

quarta-feira, 10 de fevereiro de 2016

DENDE A MIÑA CARICATURA, VALLE-INCLÁN

Neste 2016, alén doutras importantes efemérides (coma o Centenario da creación das Irmandades da Fala), estamos a conmemorar o 0 150 aniversario da nacenza -en Vilanova de Arousa- do autor de Luces de Bohemia, do creador de Tirano Banderas,... Estoume a referir a Ramón María del Valle Inclán

NO MUSEO DA POBRA

No 2014 faciliteille ao Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal dúas das varias caricaturas que realicei sobre este ilustrado galego, recoñecido a nivel internacional e traducido a unha multitude de lingua (agardamos que un día tamén se verta ao Galego, que xa tarda).
As dúas caricaturas foron cedidas a ese museo co obxecto evidentemente que un día se configure un padroado que salvagarde e custodie legalmente todas as pezas musealizadas (documentos, pezas artísticas, mobiliario, libros, vestimentas,...). 

CARICATURAS

Unha delas, de forma circular, está pintada en acuarela e tinta chinesa e recrea esa "lenda" (quizais inventada polo propio escritor) de que el nacera nun barco no medio da Ría de Arousa. Amais desa técnica, aparece remarcada, a xeito de mosaico, cunhas pezas de madeira (de distintas árbores) que focalizan a antención do observador nesa especie de tormenta (literaria, talvez) que se representa no interior. As estruturas que coas barbas se configuran asemellan, en bo grao, a propia oleaxe arousá, esa que comeza coa "virasón" na tardiña.

A outra caricatura, tamén elaborada incialmente en acuarela e tinta chinesa, leva adheridas varios recortes de teas de tapizar que lle dan cromatismo e orixinalidade á obra. Valle, desta volta, aparece coma unha figura fantasmagórica, onde a súa propia barba deliña a súa silueta,... No fondo, a morte, o erotismo, a noite,.. e outros temas nos que o autor ten recorrido en múltiples ocasións.

Quen gustar de velas, deberá visitar as instalacións museográficas da Torre Bermúdez del Valle (na Pobra do Caramiñal), unha verdadeira xoia, abofé da arquitectura renacentista galega. Este edificio, ademais, está de aniversario no que atinxe á súa declaración de monumento nacional (galego).

terça-feira, 9 de fevereiro de 2016

O NENO DE CHOCOLATE


E a seguinte obra de teatro, obra de Cipriano Fernández, é aquela titulada O Neno de Chocolate, que tal e como a anterior pertencerá á colección A Pinguela: Teatro para ler e representar

Dende Edicións Fervenza sairá á luz no mes de marzo de 2016, e nela nárrase unha historia que ten moito que ver coa transixencia, coa aceptación das diversidades, co respecto ás linguas (e en particular á nosa),... Hai tempos, asemade, para as reflexións paralelas que nos encarreiran cara aos feitos sociolóxicos (ou aos estereotipos sociais e/ou de determinadas sociedades). 

As catro ilustración que ambientan esta peza dramática están feitas en augada sobre papel "guarro" 60% algodón, 40% celulosa (grao fino e de 240 g/m2). Nunha delas, a portada, aprovéitase para dar unha visión surrealista do feito que se relata na obra (sen descubrir nada, pero deixando as pegadas suficientes para avandarmos camiños). Nesta aparecen recortes de xornais (en galego), tal e como acontece con outra delas... 

Aínda que existe realismo en dúas delas, tamén se dá pé ao surrealismo. As tintas son a base, pero a colaxe, de cando en vez axuda...

sexta-feira, 5 de fevereiro de 2016

A PANTASMA QUE NON ASUSTABA


Estes días, alén das miñas ocupacións cotiás e traballos ordinarios, ando coa lideira de facer unhas ilustracións para unha peza dramática da autoría de Cipriano Fernández. A obra, titulada A pantasma que non asustaba, formará parte da colección A Pinguela, da editorial trasdezá Fervenza, que está a cargo de Manuel Núñez Espiño.

Non se trata dunha peza dun autor recente, pois Cipriano xa ten publicado outros títulos como, por exemplo, A nena levantadora de pedras sagradas (2012) e O rei maragato estaba triste e tres pezas máis (2013), ambas publicadas pola editora 3C3 que dirixe Amancio Liñares Giraut.


OBRA
Trátase dunha obra simpática, recomendábel para cativos/as de máis de oito anos e que -máis aló do divertimento que xera- ofrece lecturas moi suxestivas en "universos" paralelos, como por exemplo ao romper os estereotipos de que unha pantasma debe asustar e localizarse nun contexto medieval, de castelos,... 


A historia, desta volta, é unha pantasma dos nosos días e que ten que convivir cunha meiga, pero tamén cunha sociedade diversa, crédula algunha e outra totalmente contraria á existencia de seres ultraterreais.


TÉCNICA
Son catro as ilustracións que confeccionei, todas en auga tinta e sobre lámina de papel "guarro", de 240 g/m2, de grao fino, e cunha porcentaxe de 60% en algodón e o resto en celulosa. Agardo que vos guste o resultado.

sexta-feira, 22 de janeiro de 2016

ARAS ROMANAS A BEROBREO (debuxo arqueolóxico)


Por moitos é coñecido, ou ao mellor non por tantos, a existencia
outrora dun enorme santuario indíxena na zona do Morrazo, concremente xunto ao Castro do Monte do Facho (Donón), que é dos máis grandes de Europa. Todas as aras votivas aí localizadas están dedicadas á mesma divindade: Berobreo. Non menos de 174 monumentos votivos foron atopados en distintas épocas, sendo de tipoloxía diversa: algunhas son de medio metro e outras de un metro setenta. Non existe lugar da Península Ibérica no que se teña atopado tanta cantidade de pezas votivas, as mais delas epigrafadas coa seguinte inscrición: "Deus lari Berobreo aram posuit pro salute". E non sen razón hai quen sinala que, cando estiveron ergueitas no cumio do santuario, configuraron un verdadeiro bosque de aras. As primeiras, que se teña constancia, foron descubertas por Enrique Massó Bolívar polo ano 1962 (e que logo sería trasladas ao Museo Quiñones de León - Vigo, entre esa data e 1964), outras por José Suárez Mariño.


Da totalidade de altares, sobre unhas 119 foron atopadas nas campañas levadas a cabo dende o ano 2003, dirixidas por José Suárez Otero, e nas que participaron arqueólogos galegos e o Instituto Arqueolóxico Alemán (Deutsches Archäologisches Institut). Alén do xa citado museo vigués, hai aras que se conservan nas instalacións do Museo de Pontevedra; porén, agardamos que algún día se fagan as infraestruturas necesaria para albergar un verdadeiro museo dedicado a esta enorme descuberta, no que -ademais- poidas entender en amplitude a importancia deste feito arqueolóxico e a transcendencia que supoñen tales achados na historia da arqueoloxía europea.


Aínda que as pezas puideran ser datas no século II d.C., si é certo que o culto a este deus ten que ser moito máis antigo, cando menos ao momento no que se comeza a erguer o castro (aló polo século IV a.C.). E o entorno dese antiquísimo santuario "galego" resulta ser un dos máis marabillosos de Galiza, pois dende o cumio do monte divísase todo o Atlántico e a Costa da Vela (área pertencente á Rede Natura), coas Cíes enfronte.

Velaquí algún debuxo que puiden realizar das mesmas en auga tinta, e sobre lámina 100% algodón.

CRÍTICAS: O filósofo e escritor Ángel Núñez Sobrino acaba de sinar recentemente que "(Alfredo Erias) y Héitor Picallo Fuentes son los mejores dibujantes arqueológicos vivos que posee actualmente Galicia".

(Suplemento de El Correo Gallego - 20 de decembro de 2015, p. 7)