sábado, 16 de julho de 2016

A POESÍA ACTUAL

TILIRÍN E A POESÍA DE HOXE

Yolanda Castaño
Pilar Pallarés
Dentro dos meus libros infantís, publiquei en edicións fervenza, e dende a colección Tilirín: o meu primeiro dicionario, un pequeno volume sobre "A Poesía de Hoxe" (2011). 

Alén de reproducir poemas de diversas/os escritoras/es galegas/os, fixen unha caricatura sobre cada un deles e, como adoito procecer. elabóroas en acuarela, tinta chinesa e diversos materiais (entre os que están recortes de papeis, xornais, madeiras de piñeiro, cedro e castiñeiro; tecidos,...) Busquei facer unha escolma daqueles autores e composicións que me resultaban máis suxestivos (ben pola súa calidade persoal, compositiva e outras características que evidentemente tamén teñen que ver cos afectos). 

INTERXERACIONAL

Miguelanxo Fernán Vello
Bernardino Graña
Que fose interxeracional a colectánea de poetas era importante, así como a variedade de contidos (aínda que un dos temas principais tivese que ver coa lingua e a terra). Cumpría, ora ben, ter en conta que o público é variado -malia que no primeiro enfoque están as crianzas e a rapazada. Hoxe posibelmente o realizase doutro xeito, quizais habería outras composicións e escritores/as que, por mágoa e cuestións editoriais, tiven que reducir exclusivamente a 22. Sen dubidalo integraría unha maré que hoxe -alén das distancias xeográficas- está moi próxima ás miñas costas: Eli Ríos, Ramón Neto, Suso Díaz, Xavier Queipo, Yoli López, Helena Villar Janeiro, Carlos Penela,... 

POETAS

Uxío Novoneyra
A portada do libro está presidida por unha imaxe de Uxío Novoneyra e acompañada do Tilirín (o inquedo personaxe que creei para esta colección). Vai dedicado a Xosé Couceiro Bugallo, escritor de Terra de Montes que finou de xeito prematuro.
Xosé Luís Méndez Ferrín
O elenco de autoras e autores, por orde alfabética, é a seguinte: Vicente Araguas, Darío Xohán Cabana, Marica Campo, Yolanda Castaño, María do Cebreiro, Estíbaliz Espinosa, Miguelanxo Fernán Vello, Xoán Xosé Fernández Abella, Bernardino Graña, Xosé Lois García, María do Carme Kruckenberg, Xosé Luna Sanmartín, Xosé Luís Méndez Ferrín, David Otero, Pilar Pallarés, María Xosé Queizán, Chus Pato, Elvira Riveiro Tobío, Xohana Torres, Xulio L. Valcárcel, Miro Villar e Xosé Vázquez Pintor.

CRÍTICA DE ARMANDO REQUEIXO (no Criticalia)


María do Cebreiro
Hai editoras para as que menos é máis. Porque o que distingue e referencia entre o lectorado un selo non son os grandes medios cos que poida contar, senón o criterio que se descobre tras as súas escollas, o acerto do seu catálogo.

E escribo isto a propósito de Edicións Fervenza, a casa estradense que dende hai uns anos vén dando a luz tan interesantes coma diversos volumes, modestos moitas veces na súa materialidade, mais atractivos polo seu contido.

Un dos seus últimos títulos publicados é Tirilín e a poesía de hoxe, libro integrado na colección O meu primeiro diccionario, na que xa teñen aparecido con anterioridade entregas dedicadas ao mundo dos paxaros, os peixes, o universo, os escritores do Día das Letras, as construcións galegas e os insectos. Todos eles, xaora, protagonizados por Tirilín, neno rebuldeiro que vai dando a coñecer aos máis novos toda canta cousa pasa por diante dos seus ollos.
David Otero

Elvira Riveiro
Desta volta o cometido de Tirilín non é outro que o de achegar unha miga aos máis cativiños os nosos poetas actuais. Deste xeito, polas páxinas da obra van desfilando os versos de Darío Xohán Cabana, Marica Campo, Yolanda Castaño, María do Cebreiro, Estíbaliz Espinosa, Miguel Anxo Fernán Vello, Bernardino Graña, María do Carme Kruckenberg, Xosé Luís Méndez Ferrín, Pilar Pallarés, María Xosé Queizán, Chus Pato, Elvira Riveiro Tobío, Xohana Torres, Xulio L. Valcárcel, Miro Villar, Xosé Vázquez Pintor ou Xosé Luna, este último director de Edicións Fervenza, quen con tanto tino escolleu a Héitor Picallo para que se responsabilizase da presente antoloxía.

Chus Pato
Picallo foi, ademais, o encargado de ilustrar este álbum-escolma, para o que deseñou unhas caricaturas espléndidas que, de seguro, moito han agradar ao público infantil ao que van inicialmente dirixidas, pero que non deixarán tampouco de chamar a atención a aqueles adultos que se acheguen a contemplalas.

Miro Villar
Canto á natureza dos textos recollidos, teñen todos a virtude de ser inequivocamente representativos da poética de cada autor ou autora e, ao tempo, coinciden en moitos casos na súa decidida aposta a prol da lingua e na defensa da cultura e a terra de noso.

Visualmente moi suxestivo e con evidente fortuna antologadora, Tirilín e a poesía de hoxe é unha obra máis que recomendable para os pequenos da casa e para os que, non séndoo xa, gardan aínda un espírito neno que lles permita gozar, comme il faut, desta regalía para os ollos de moi agradecida lectura”.

(Armando Requeixo, Criticalia)

Sem comentários:

Enviar um comentário