terça-feira, 13 de outubro de 2020

AS LETRAS GALEGAS EN CARICATURA



Capa d'As Letras Galegas en Caricatura
Certo é que este ano resultou esaxeradamente atípico en moitísimos aspectos, e un deles ten que ver coa saúde pública e coa dolorosa pandemia que padece a humanidade... Asemella que todo freara de vez e as persoas, caladiñas, ficaban nos seus fogares sen case relación coa veciñanza e a familia non tan próxima. 

Porén, a Cultura debía continuar e aínda que desgraciadamente se paralizaron moitos proxectos, outros houbo que avivalos, asumindo riscos e intentando que tres anos de traballo non fosen inútiles. Cadaquén faciamos o posíbel para lle dar luz ás nosas obras, que as maquetas entrasen nos tórculos, que se aceptasen as galeradas por vía telemática, que non puidesemos supervisar as cores nin o material... Unicamente debiamos fiarnos dos profesionais do mundo da edición: e ben que fixemos! 

A porta pechada lanzábanse as imprensións dun libro no se gastaran -coa axuda de non poucas persoas- moitos reloxos de area e moitos mares de acuarela. Malia os contratempo, polo mes de maio deste 2020, ano de "Carvalho Calero", veu á luz un meu libro titulado As Letras Galegas en Caricatura

Nel recóllense as 60 biografías e caricaturas das persoas, até hoxe, homenaxeadas co 17 maio. A estrutura dos contidos destinados a cada autor ou autora son claros: nome e apelidos, ano no que se lle concede o Día das Letras, extracto dun poema emblemático ou texto significativo, biografía, datas de nacemento e defunción, obras máis relevantes e un apartado denominado ars memoriae. Nesa sección ofrécense as claves para interpretar a caricatura e tirar varios datos da vida e/ou obra das figuras máis senlleiras da escrita galega. 

As imaxes, sen retoques dixitais, elabóranse en acuarela e tinta chinesa, aínda que nalgunhas se bote man, asemade, de materiais de refugallo (recortes de xornal; madeiras de castiñeiro, piñeiro ou cedro; teas de tapizar...).

Por serte, puidemos contar coa colaboración dun mar de persoas marabillosas que enriqueceron os textos e as imaxes, entre elas: Fina Casalderrey (autora do limiar), Mercedes Queixas (autora do epílogo), Martiño Picallo (deseñador das cubertas), Emma Pedreira (supervisora dos textos e orientadora)...

Afonso Daniel Rodríguez Castelao

Ao seu ver, Fina Casalderrey subliña entre outros aspectos que esta obra contén un "material atractivo para calquera que queira saber de nós, no que o autor fai un breve, eficaz e intenso percorrido polas nosas Letras Galegas dende o ano 1963 en que comezaron a celebrarse ata o 2020. Mais as letras lévannos á arte popular, ao Pórtico da Gloria, aos vellos oficios, ao Museo do Pobo Galego, ao Seminario de Estudos Galegos, á pintura, aos mil ríos, aos océanos do mundo...".

Por outra banda, a epiloguista e escritora Mercedes Queixas Zas considera que "cada páxina, cada caricatura contemplada agora como una estrela con luz propia, creadora dunha constelación de raíz universal, nada en nomes e títulos que nos contan, constrúe e ac acompaña no noso camiñar vivencial e onírico cara a un novo capítulo agardado".

A obra, editada a toda cor, en formato superior ao A4, elaborada en papel satinado e cubertas duras, baixo o noso punto de vista representa algo do que -como autor- me teño que sentir ben orgulloso. Mais quizais resulte recomendábel que, no canto de falarmos nós, que acheguen as súas reflexións aquelas persoas que o teñen consultado ou analizado, for Pilar Sampedro ou Ramón Nicolás, for María Couceiro ou for Emma Pedreira.

Afonso X "O Sabio"
Ramón Nicolás, dende o Caderno da Crítica, indica:

"Non dubido que esta nova achega de Picallo supón un paso adiante no ámbito da iconografía destes sesenta nomes propios que constitúen unha parte substancial do noso patrimonio literario cultural, sen esquecer a súa inequívoca utilidade en diversos ámbitos didácticos. Unha proposta, en fin, coidada e meritoria que cómpre apoiar e difundir".

Pilar Sampedro, valéndose do espazo que lle entrega Galicia Díxital, informa do seguinte:

"Poderiamos situar o exemplar entre o libro de coleccionista e o didáctico, con características de ambos. Por unha banda é un traballo moi coidado no que intervén o artista plástico, por outra está a labor de documentalista na que Héitor é experto, pero sempre sen deixar de ter en conta o carácter educativo. Trátase dun material necesario e que debemos ter sempre a man para lembrar os autores e autoras máis recoñecidas de Galicia, pertencentes á parroquia dos mortos (como se di na miña aldea)".

Dende Correo Televisión, María Couceiro (responsábel de difusión da Libraría Couceiro), considera que é unha obra "moi interesante porque non había nada que adicase algo a cada autor (nunha obra conxunta)".


Emma Pedreira -dende a Festa dos Libros de Pontevedra- cataloga "na categoría de ensaio, ou libro
María Victoria Moreno
divulgativo, ou xoia bibliográfica este últimisimo (libro) de Héitor Picallo: As Letras Galegas en Caricatura". 

Resultado diso é que está a ser unha das obras máis vendidas do 2020, segundo se ten achegado nalgún medio de comunicación. 

Cos poucos recursos que se contaron neste ano, por mor da pandemia do Covid, puiden ir presentando o libro en diversos eventos: Na Feira do Libro de Galicia (en Vigo e A Coruña), no Día do Libro (Concello de Nigrán), na Semana do Libro en Cambados, no Festival Orixe 2020 (Caldas de Reis)... E todo grazas á colaboración de diversas persoas e colectivos.

A última estampa deste libro é a de Ricardo Carvalho Calero que, como xa hai anos e por se tratar da persoa homenaxeada co 17 de maio, sae publicada na portada da edición dese día en El Correo Gallego.

Alén das críticas entregadas por María Couceiro, Emma Pedreira, Pilar Sampedro e Ramón Nicolás quero entregar as miñas grazas a todos os medios de difusión que deron conta deste libro de autoedición, verbi gratia: María Almodovar Picón, Carolina Sertal, Fernando Salgado, Caetano Díaz...

Se queredes escoitar a entrevista que, para a Radio Galega, realizou Helena Soto. Premede no seguinte enlace.


Como observación gustaríanos lembrar que nalgunhas biografías, e como testemuño de xenerosidade, diversas persoas autoras verteron ex professo certas reflexións atinadas e necesarias. Gustamos de lembrar a Maka Arca Camba, Afonso Blanco Torrado, Mónica Caaamaño, Francisco Fernández Rei, Baldomero Iglesias Dobarrio -"Mero"-, Xosé María Lema Suárez, Xosé Leonardo Lemos Montanet, Carlos López Bernárdez, Xosé Luna Sanmartín, David Otero, Francisco Pazos, Eli Ríos, Elvira Riveiro, Calros Solla, Ángeles Tilve Jar, Cris Vázquez Santos -"Cris de Caldas"-, Miro Villar e Malores Villanueva. Foron imprescindíbeis as participacións de Eva Liñeira (fundamental nesta obra), o meu irmán Martiño Picallo, Fatima R. Ruibal, Emma Pedreira, Xosé Lobato e Pilar Sampedro. Beizóns tamén para todas e todos eles!!!




De estares interesado en adquirir esta obra, velaquí fican os puntos de venda. Beizóns e ben haxa tamén a todas as librarías que gustastes de aloumiñar esta miña obra.















Sem comentários:

Enviar um comentário