Estes días, alén das miñas ocupacións cotiás e traballos ordinarios, ando coa lideira de facer unhas ilustracións para unha peza dramática da autoría de Cipriano Fernández. A obra, titulada A pantasma que non asustaba, formará parte da colección A Pinguela, da editorial trasdezá Fervenza, que está a cargo de Manuel Núñez Espiño.
Non se trata dunha peza dun autor recente, pois Cipriano xa ten publicado outros títulos como, por exemplo, A nena levantadora de pedras sagradas (2012) e O rei maragato estaba triste e tres pezas máis (2013), ambas publicadas pola editora 3C3 que dirixe Amancio Liñares Giraut.
OBRA
Trátase dunha obra simpática, recomendábel para cativos/as de máis de oito anos e que -máis aló do divertimento que xera- ofrece lecturas moi suxestivas en "universos" paralelos, como por exemplo ao romper os estereotipos de que unha pantasma debe asustar e localizarse nun contexto medieval, de castelos,...
A historia, desta volta, é unha pantasma dos nosos días e que ten que convivir cunha meiga, pero tamén cunha sociedade diversa, crédula algunha e outra totalmente contraria á existencia de seres ultraterreais.
TÉCNICA
Son catro as ilustracións que confeccionei, todas en auga tinta e sobre lámina de papel "guarro", de 240 g/m2, de grao fino, e cunha porcentaxe de 60% en algodón e o resto en celulosa. Agardo que vos guste o resultado.
Sem comentários:
Enviar um comentário